INSUAS DO MIÑO E OLLOS DE BEGONTE
CONSERVACIÓN
Gran parte das insuas e o entorno dos Ollos está cuberto por bosque e axudar á súa conservación implica, en gran medida, deixalo medrar e madurar. Nestas zonas o traballo limítase á retirada de especies alóctonas e lixo, e ao mantemento dos camiños principais.
As zonas de mosaico, nas que os prados se suceden entrecruzados de sebes arbóreas, esixen unha dedicación maior, pois o seu abandono leva á substitución da vexetación herbácea por especies leñosas e supón unha perda importante de biodiversidade asociada a hábitats pratenses. Manter a estrutura tradicional desta paisaxe supón, tamén, o mantemento das sebes mediante podas baixas e outros traballos, que deixan á vista, ademais, os fermosos valados de chantos típicos da chaira.
Na medida do posible realizamos os traballos de mantemento e recuperación de prados e sebes de xeito manual, co obxectivo de xerar o menor impacto posible no medio. Procuramos implicar a diferentes colectivos da contorna nos traballos de mantemento: o coidado do noso medio natural debe ser tarefa de todos!