top of page
Banner_cabeceira_web.png

A AGCT resultou beneficiaria dunha axuda da Fundación Biodiversidad para a realización do proxecto "Adaptando que é xerundio: preparando a reserva da biosfera Terras do Miño para o cambio climático" na convocatoria de concesión de axudas en materia de adaptación ao cambio climático do ano 2017. O proxecto foi cofinanciado pola Deputación de Lugo.

Avaliación de hábitats

Neste proxecto realizamos unha avaliación da ameaza que representa o cambio climático nunha zona de traballo habitual da AGCT, a Terra Cha. Pretendemos que os resultados do proxecto sirvan tanto para axudar a enfocar as acciones da nosa entidade incluíndo o cambio climático como unha variable a ter en conta nas accións de conservación, como para ser útiles ás accións que se realizan desde as diferentes administracións presentes no territorio.  
Esta avaliación centrouse en tres hábitats de interese típicos desta zona: o bosque aluvial que acompaña o sistema fluvial da cunca alta do río Miño; os humidais, moi frecuentes debido ao relevo chao da comarca; e os prados seminaturais, un hábitat que ocupaba unha superficie extensa e que se reducíu fortemente debido ao abandono e aos cambios nos usos agrícolas. Para esto cartografáronse os hábitats e realizouse unha avaliación do seu estado e de como poden verse afectados polos efectos do cambio climático.

 

Especies ameazadas

Avaliouse a situación de catro especies ameazadas ligadas a algúns destes hábitats: o morcego bigotudo (Myotis mystacinus), a arcea (Scolopax rusticola), a rá vermella (Rana temporaria parvipalmata) e o nenúfar bico de rá (Hydrocharis morsus-ranae).

 

Especies Exóticas Invasoras
Tamén avaliamos a abundancia e distribución das Especies Exóticas Invasoras e os efectos que o cambio climático pode ter sobre a ameaza que representan.

Realizáronse numerosas reunións con administraciones locais e outras administracións presentes no territorio e, xa no campo, inventariamos numerosas poboacións de EEIs e realizamos accións de eliminación de varias especies de EEI vexetais terrestres.

Como resultado destas accións puxemos en marcha o Observatorio de EEI da Terra Cha, unha ferramenta participativa coa que agardamos manter a atención e a acción sobre as poboacións chairegas de EEIs.
 
Unha boa parte das ideas que axudaron a plantear este proxecto, sobre todo no referido aos prados seminaturais, proveñen do proxecto executado no ano 2017 "Mantemento e recuperación da biodiversidade asociada a paisaxes agrarias atlánticas" financiado na convocatoria de axudas da Fundación Biodiversidad 2016.

bottom of page