top of page
DSC_0287 Toques Armeria merinoi.JPG

Microrreservas de
FLORA SERPENTÍNICA

Proxecto cofinanciado por:

Deputación da Coruña.png

22,8 hectáreas de hábitats serpentínicos xestionados pola AGCT

que albergan tres especies únicas no mundo

A cabalo dos concellos de Melide, Santiso e Palas de Rei, atópanse os afloramentos de rochas serpentínicas máis extensos de Galicia.

As rochas serpentínicas condicionan o desenvolvemento, sobre elas, de solos pouco desenvolvidos, moi rochosos e que resultan tóxicos para a maioría das plantas debido ás altas concentracións de magnesio e metais pesados que caracterizan ás serpentinitas.

Estas condicións extremas favoreceron a aparición de tres especies únicas, exclusivas dos solos serpentínicos que se estenden desde a serra do Careón ata o río Ulla: Armeria merinoi, Santolina melidensis e Leucanthemum gallaecicum.

Hábitat ameazado

A pesares de que a Zona Especial de Conservación Serra do Careón engloba a maior parte da escasa área de distribución destas especies, a presión sobre o seu hábitat é enorme.

Os solos serpentínicos están a ser roturados, subsolados e abonados para cultivar sobre deles eucaliptais, piñeirais ou pradeiras.

O hábitat dispoñible para os endemismos serpentínicos é cada vez máis pequeno, o que supón unha seria ameaza para estas especies cun área de distribución que, nalgún caso, non chega ás 50 hectáreas.

PB290037.JPG

A presión sobre os solos serpentínicos é enorme. A pesares da súa escasa produtividade natural, transfórmanse para a implantación de eucaliptais e pradeiras.

O hábitat orixinal destrúese por completo.

Ademais, o abandono dos usos tradicionais (queimas e pastoreo) está a favorecer o incremento da matogueira, que medra a costa do hábitat aberto que precisan as especies serpentínicas.

Desde a AGCT realizamos un intenso traballo de incidencia política durante a última reforma da lei que regula o Banco de Terras de Galicia para que as entidades conservacionistas puideramos acceder ao aluguer de parcelas de interese ambiental con fins de conservación. Así comezamos o aluguer de parcelas con presenza de endemismos serpentínicos na parroquia de Barazón (Santiso) e xa reunimos 18,51 hectáreas de alto valor natural.

Contamos cun convenio co grupo de investigación Análise e Conservación da Biodiversidade (ACBiodiv) da Universidade de Santiago de Compostela para o seguimento destas especies e o deseño das medidas de conservación.

Tamén estamos a facer un traballo de divulgación nas zonas con endemismos serpentínicos e a súa contorna.

Unidade didáctica sobre a flora endémica do centro de Galicia

 

Durante os anos 2019 e 2021 realizáronse, co apoio da Deputación da Coruña, unha serie de charlas didácticas nas que se achegou ós escolares da zona a importancia que ten a flora endémica do centro de Galicia, así como as ameazas que teñen e que prexudican a súa conservación.

Do mesmo xeito, no 2019 realizamos unha unidade didáctica dispoñible para tódolos centros educativos da zona de actuación para difundir os valores ambientais da zona desde un prisma didáctico e creativo. Podes descargar a unidade didáctica premendo neste enlace.

Deputación da Coruña.png
Parcela comprada.JPG

As primeiras compras!!

 

Durante o ano 2020 realizamos as primeiras compras de parcelas de interese ambiental na zona de Barazón para a conservación á perpetuidade da flora endémica da Serra do Careón. Grazas á axuda da Deputación da Coruña, outras ONG e ducias de persoas conseguimos os cartos necesarios para a compra de 4,3 ha. Podes ver neste enlace un resumo das parcelas compradas.

Durante o ano 2021 seguimos coas compras de parcelas de interese ambiental grazas á axuda da Deputación da Coruña, outras ONG e persoas a nivel particular que fixeron aportacións económicas para realizar ditas compras. Grazas a isto, conseguíronse 2,3 ha novas que se engaden ás xa compradas e as arrendadas.

 

Durante os próximos anos seguiremos comprando parcelas a un ritmo continuo para poder conseguir todas aquelas terras dispoñibles para a conservación da flora endémica da Serra do Careón. Anímate e axúdanos a conseguilo!! Participa no crowdfunding para a compra de parcelas neste enlace!!

bottom of page