As Insuas do Miño
As Insuas do Miño sitúanse nos concellos de Rábade e Outeiro de Rei, lindando tamén co de Begonte. Constitúen un sistema insular de gran importancia e extensión. A escasa inclinación do río Miño durante uns seis quilómetros xera unha ampla zona aluvial con múltiples bifurcacións do río, que forma diferentes brazos e insuas. Na zona existen sete insuas, das cales seis son propiedade da Deputación de Lugo, superando as 106 hectáreas de superficie. Tres destas insuas teñen un gran tamaño: a insua de Santa Mariña ou de Baixo, con 51,8 ha; a insua de San Roque, con 38,1 ha; e a insua de Trabanca, con 13,9 ha de superficie.
Estas insuas sitúanse entre dous brazos do río Miño, recibindo o esquerdo un nome propio: o río Negro. Existen tamén dúas canles transversais, denominadas entrecinsas, polas que as augas dun dos brazos do río Miño discorren cara o outro. As entrecinsas separan as tres insuas de maior tamaño.
Durante o período invernal, as insuas experimentan episodios de inundación, o que condiciona a existencia de diversos hábitats e especies característicos de ecosistemas acuáticos continentais, entre os que cabe destacar diversos tipos de bosques de inundación.
Nas Insuas do Miño destaca a boa cobertura e estado de conservación dos bosques de ribeira e bosques galaicoportugueses de Quercus robur y Q. pyrenaica que cobren gran parte da súa superficie. A grande maioría dos prados existentes non sufriron transformacións agresivas nin aportes artificiais de abonos químicos ou de orixe animal, polo que presentan unha abundante riqueza florística.
No río Miño ó seu paso polas Insuas, destaca a presenza de tres especies acuáticas ameazadas: Luronium natans, Nymphoides peltata e Isoetes fluitans. Nos prados seminaturais e bosques das Insuas destaca a presenza de Narcissus pseudonarcissus nobilis. Dentro dos invertebrados destaca a presenza da libélula Oxygastra curtisii, do escaravello Lucanus cervus e da bolboreta Euphidryas aurinia. Sen embargo, é nos morcegos onde podemos atopar unha ampla diversidade debido ó bo estado de conservación dos bosques de ribeira da zona, podendo atoparse un total de doce especies, detectando colonias de crías de catro especies: Myotis escalerai, Myotis daubentonii, Pipistrellus pygmaeus e Plecotus auritus, e haréns de dúas especies: Pipistrellus pygmaeus e Nyctalus lasiopterus.
Pozos do Ollo
Os Ollos de Begonte forman parte dun complexo húmido que se extende polo concello de Begonte, preto da confluencia dos ríos Ladra e Parga, formado por unha variedade de medios acuáticos e semiterrestres. Entre eles destacan dous medios lacunares cuxa forma circular da nome ó entorno: os Ollos. O Ollo Pequeno ocupa una superficie de 1.780 m2 e o Ollo Grande (ou Pozo do Ollo), acada os 2.280 m2.
Os Ollos están asociados a surxencias kársticas e á existencia de grandes fallas que determinan estruturalmente un medio lacunar circular de grande profundidade. Son sistemas lacunares profundos de orixe natural e alimentados por augas subterráneas, o que determina a presenza de especies de flora e fauna moi particulares. A vexetación emerxente redúcese ás estreitas franxas perimetrais onde se manteñen comunidades de grandes ninfeidos (Nymphaea alba) e helófitos (Cladium mariscus), e as partes máis profundas están dominadas por ceratofílidos (plantas non enraizadas que florecen e frutifican baixo a auga) e carófitos (algas de auga doce extremadamente raras nos humidais chairegos).
Os Ollos, especialmente o Pozo do Ollo, permanece rodeado por bosques climácicos: bosques de ribeira (Hábitats 91F0 e 91E0*) e bosques galaicoportugueses de Quercus robur y Q. pyrenaica (Hábitat 9230) cuxos aportes de materia orgánica determinan o seu carácter distrófico. No período de crecentes invernais, a gran cantidade de auga que se acumula na zona establece a conexión directa entre os Ollos e os principais cursos fluviais do entorno, mentres no período estival e outonal permanece nun complexo sistema de pequenas canles e charcas presentes no bosque pantanoso, albergando una variada flora e fauna acuática entre a que destacan Luronium natans e Margaritifera margaritifera.
Acordo de custodia do territorio coa Deputación de Lugo
A Deputación de Lugo e a Asociación Galega de Custodia do Territorio asinaron un Acordo de Custodia do Territorio para a conservación e xestión sostible das fincas provinciais situadas nas Insuas do Miño e Ollos de Begonte, no marco do Plan de Acción da Reserva da Biosfera Terras do Miño (2024–2034).
O acordo, con vixencia ata 2029, ten como obxectivo impulsar actuacións de conservación, formación e investigación, así como fortalecer a colaboración público-privada na protección do patrimonio natural, cultural e paisaxístico da provincia.
A custodia do territorio e a colaboración entre entidades públicas e privadas móstrase como unha excelente forma de colaboración na conservación da biodiversidade. Diversas administracións públicas, como concellos, deputacións provinciais e organismos autonómicos e estatais, son propietarias ou xestoras de terreos de alto valor natural. O establecemento de acordos de custodia e dun programa de actuacións xera unha maior implicación da sociedade civil organizada a través das entidades da custodia, que debería redundar nunha mellora do estado de conservación das especies de flora e fauna do noso medio natural.
A aplicación da custodia do territorio na xestión de propiedades e dominios públicos xera un empoderamento da sociedade civil que participa activamente na xestión e conservación de zonas de alto valor natural. Tamén a propia administración se beneficia destas accións realizadas a través do acordo de custodia debido a que as entidades que adoitan realizar este tipo de convenios teñen un elevado coñecemento da realidade da zona custodiada, feito que redunda no éxito dos accións de conservación e mellora deseñadas.
Sirva este exemplo das Insuas do Miño e Ollos de Begonte como proxecto visibilizador do potencial que a custodia do territorio pode ter para a restauración, conservación e mellora ambiental de terreos de alto valor natural