INSUAS DO MIÑO
As insuas do Miño constitúen un sistema insular de gran importancia e extensión.
O terreo chan determina unha ampla zona aluvial con múltiples bifurcacións do río, que forma diferentes brazos e meandros mortos.
Durante o período invernal, as insuas experimentan episodios de inundación, o que condiciona a existencia de diversos hábitats e especies característicos de ecosistemas acuáticos continentais, entre os que cabe destacar diversos tipos de bosques de inundación.
A zona de traballo está composta por seis insuas, situadas na confluencia dos concellos de Outeiro de Rei, Rábade e Begonte. A superficie total supera as 106 hectáreas, repartidas do seguinte xeito:
• Insua de Trabanca: 13,9 ha.
• Insua de San Roque: 38,1 ha.
• Insua das Hortas: 0,4 ha.
• Insua de Santa Mariña ou de Baixo: 51,8 ha.
• Insua Pequena: 1,1 ha.
• Insua do Muíño: 1,6 ha.
Estas insuas sitúanse entre dous brazos do río Miño, recibindo o esquerdo un nome propio: río Negro. Existen tamén dúas canles transversais, denominadas entrecinsas, polas que as augas dun dos brazos do río Miño discorren cara o outro. As entrecinsas separan as tres insuas de maior tamaño.
As augas do Miño á altura das insuas están incluídas dentro dun couto de pesca sen morte que comeza na presa do muíño de Trabanca e remata no viaduto da autovía A-6.
FIGURAS DE PROTECCIÓN
Este complexo húmido está incluído na "Zona de Especial Protección dos Valores Naturais Parga-Ladra-Támoga" (Decreto 72/2004, do 2 de abril, polo que se declaran determinados espazos como Zonas de Especial Protección dos Valores Naturais. DOG 69, do 12/04/2004) e forma parte da Zona Núcleo da Reserva da Biosfera "Terras do Miño", declarada oficialmente polo Comité MAB no ano 2002.