top of page

Microrreserva do Alto do Couto

A microrreserva do alto do Couto forma parte da Rede Galega de Microrreservas e sitúase nos Montes Veciñais en Man Común de Moreda e de Visuña. A Asociación Galega de Custodia do Territorio asinou no ano 2015 un acordo de custodia cos seus propietarios para a súa xestión durante 15 anos.

 

Con este proxecto pretendemos protexer e conservar as orquídeas e outras especies pratenses do Courel, debido ó proceso de abandono que están a sufrir estas zonas pola perda das actividades gandeiras tradicionais. Os hábitats que podes ver son aqueles dominados por herbáceas ou, no caso do Monte Cido, tamén os aciñeirais situados nas zonas con máis fondo de terra. Destaca a abundancia de rochas calizas superficiais en tódalas zonas, sendo isto especialmente patente na microrreserva do afloramento de Visuña.

 

As orquídeas
Nesta zona podes atopar un total de seis especies de orquídeas. De entre todas elas destaca Dactylorhiza cantabrica, especie endémica do Courel e de cor habitualmente amarela, aínda que ás veces aparecen tamén exemplares de cor rosada. Tamén destacan a presenza de especies extremadamente escasas en Galicia como é o caso de Coeloglossum viride, unha orquídea de pequeno tamaño e con flores verde-amarelentas pouco destacadas. Nesta microrreserva tamén podemos atopar a presenza doutras orquídeas raras en Galicia como é o caso de Gymnadenia conopsea, que ten flores rosas ou lilas que son visitadas polas bolboretas para a súa polinización.


O listado de orquídeas que podes observar nesta microrreserva complétase cunha serie de especies que tamén teñen un gran interese ó conformar unha rica e diversa comunidade de orquídeas: Aceras anthropophorum, Orchis italica e Orchis mascula.
 

Outras especies de flora
Non só as orquídeas son especies de interese nas microrreservas da serra do Courel, xa que tamén podes observar catro especies Vulnerables do Catálogo Galego de Especies Ameazadas. Campanula adsurgens é unha pequena planta con flores violetas en forma de campá e endémica das calizas da montaña de Lugo, Ourense e León, ó igual que o Leontodon crispus subsp. bourgeanus aínda que esta ten flores amarelas similares ás do mexacán. Tamén podes observar o Narcissus asturiensis, un pequeno narciso de cor amarela que medra en toda a Cordilleira Cantábrica e zonas limítrofes. Santolina semidentata é unha margarita de gran tamaño sen pétalos pero co centro da flor de cor amarela. 

 

As bolboretas
As microrreservas da serra do Courel tamén son importantes para o mantemento das poboacións de bolboretas (orde Lepidoptera) da zona. Nesta zona podes atopar Aricia morronensis, incluída no Catálogo Galego de Especies Ameazadas baixo o epígrafe de Vulnerable. As eirugas desta especie aliméntanse case de maneira exclusiva na serra do Courel de Erodium glandulosum, así como outras especies próximas do xénero.

 

Punto BV
A microrreserva do alto do Couto forma parte da rede de Puntos de Biodiversidad Virtual polo que podes fotografar calquer exemplar de flora ou fauna da zona e subilo ó portal de Biodiversidad Virtual (www.biodiversidadvirtual.org) para así contribuír no aumento do coñecemento da biodiversidade existente nesta microrreserva. Anímate e participa!!

 

bottom of page