top of page

Microrreserva do Alto da Pedra

A microrreserva do alto da Pedra forma parte da Rede Galega de Microrreservas e sitúase no Monte Veciñal en Man Común de Bustofrío, así como de propietarios particulares. A Asociación Galega de Custodia do Territorio ten a capacidade de xestionar ditos terreos para a conservación da súa biodiversidade.


Con este proxecto pretendemos protexer e conservar as orquídeas e outras especies pratenses do Courel, debido ó proceso de abandono que están a sufrir estas zonas pola perda das actividades gandeiras tradicionais. Os hábitats que podes ver son aqueles dominados por herbáceas ou, no caso do Monte Cido, tamén os aciñeirais situados nas zonas con máis fondo de terra. Destaca a abundancia de rochas calizas superficiais en tódalas zonas, sendo isto especialmente patente na microrreserva do afloramento de Visuña.
 

As orquídeas
Nesta zona podes atopar un total de doce especies de orquídeas. De entre todas elas destaca Dactylorhiza cantabrica, especie endémica do Courel e de cor habitualmente amarela, aínda que ás veces aparecen tamén exemplares de cor rosada. Tamén destacan unha serie de especies extremadamente escasas en Galicia como é Orchis ustulata, orquídea de pequeno tamaño pero de gran beleza; Coeloglossum viride, con flores verde-amarelentas pouco destacadas ou Dactylorhiza insularis semellante a Dactylorhiza cantabrica. Nesta microrreserva tamén podemos atopar a presenza doutras orquídeas raras en Galicia como é o caso de Neotinea maculata e Gymnadenia conopsea.

 

O listado de orquídeas que podes observar nesta microrreserva complétase cunha serie de especies que tamén teñen un gran interese ó conformar unha rica e diversa comunidade de orquídeas: Aceras anthropophorum, Dactylorhiza maculata, Orchis mascula, Platanthera bifolia, Serapias lingua e Spiranthes spiralis.
 

Outras especies de flora
Non só as orquídeas son especies de interese nas microrreservas da serra do Courel, xa que tamén podes observar catro especies Vulnerables do Catálogo Galego de Especies Ameazadas. No alto da Pedra podes ver Campanula adsurgens, que é unha pequena planta con flores violetas en forma de campá e endémica das calizas da montaña de Lugo, Ourense e León. 

 

As bolboretas
As microrreservas da serra do Courel tamén son importantes para o mantemento das poboacións de bolboretas (orde Lepidoptera) da zona. Nesta zona podes atopar Aricia morronensis, incluída no Catálogo Galego de Especies Ameazadas baixo o epígrafe de Vulnerable. As eirugas desta especie aliméntanse case de maneira exclusiva na serra do Courel de Erodium glandulosum, así como outras especies próximas do xénero.

 

Punto BV
A microrreserva do alto da Pedra forma parte da rede de Puntos de Biodiversidad Virtual polo que podes fotografar calquer exemplar de flora ou fauna da zona e subilo ó portal de Biodiversidad Virtual (www.biodiversidadvirtual.org) para así contribuír no aumento do coñecemento da biodiversidade existente nesta microrreserva. Anímate e participa!!

 

bottom of page