Microrreserva de Hórreos
A microrreserva de Hórreos forma parte da Rede Galega de Microrreservas e sitúase no Monte Veciñal en Man Común de Hórreos. A Asociación Galega de Custodia do Territorio asinou no 2019 un acordo de custodia cos seus propietarios para a súa xestión durante 30 anos.
Con este proxecto pretendemos protexer e conservar as orquídeas e outras especies pratenses do Courel, debido ó proceso de abandono que están a sufrir estas zonas pola perda das actividades gandeiras tradicionais. Os hábitats que podes ver son aqueles dominados por plantas herbáceas que se desenvolven sobre os afloramentos superficiais de rochas calizas, especialmente patentes na microrreserva de Hórreos.
As orquídeas
Nesta zona podes atopar un total de trece especies de orquídeas. De entre todas elas destaca Dactylorhiza cantabrica, especie endémica do Courel e de cor habitualmente amarela, aínda que ás veces aparecen tamén exemplares de cor rosada. Tamén destacan unha serie de especies extremadamente escasas en Galicia como é Orchis ustulata, orquídea de pequeno tamaño pero de gran beleza, ou Dactylorhiza insularis, semellante a Dactylorhiza cantabrica. Nesta microrreserva tamén podemos atopar a presenza doutras orquídeas raras en Galicia como é o caso de Neotinea maculata, así como dúas que non están presentes nas outras microrreservas: Cephalanthera longifolia e Epipactis helleborine.
O listado de orquídeas que podes observar nesta microrreserva complétase cunha serie de especies que tamén teñen un gran interese ó conformar unha rica e diversa comunidade de orquídeas: Aceras anthropophorum, Coeloglossum viride, Gymnadenia conopsea, Himantoglossum hircinum, Orchis mascula, Orchis morio e Serapias lingua.
Outras especies de flora
Non só as orquídeas son especies de interese nas microrreservas da serra do Courel, xa que tamén podes observar varias especies endémicas do Cordal Cantábrico ou incluídas no Catálogo Galego de Especies Ameazadas na categoría de Vulnerable. Este é o caso de Campanula absurgens, pequena planta de flores violetas en forma de campá e endémica das calizas da montaña de Lugo, Ourense e León. Tamén podemos observar Helianthemum apenninum subsp. cantabricum, endemismo cantábrico de flores amarelas ou Lithodora diffusa, pequeno arbusto de flores azuis e endémico do Cordal Cantábrico.
As bolboretas
As microrreservas da serra do Courel tamén son importantes para o mantemento das poboacións de bolboretas (orde Lepidoptera) da zona. Nesta zona podes atopar Aricia morronensis, incluída no Catálogo Galego de Especies Ameazadas baixo o epígrafe de Vulnerable. As eirugas desta especie aliméntanse case de maneira exclusiva na serra do Courel de Erodium glandulosum, así como outras especies próximas do xénero.
Punto BV
A microrreserva de Hórreos forma parte da rede de Puntos de Biodiversidad Virtual polo que podes fotografar calquer exemplar de flora ou fauna da zona e subilo ó portal de Biodiversidad Virtual (www.biodiversidadvirtual.org) para así contribuír no aumento do coñecemento da biodiversidade existente nesta microrreserva. Anímate e participa!!
Máis información: