Os morcegos constitúen o grupo de mamíferos máis diverso da fauna ibérica, con máis de trinta especies citadas. En Galicia citáronse até o momento 24 especies, das que 11 se inclúen na categoría de Vulnerables no Catálogo Galego de Especies Ameazadas, representando a orde de mamíferos máis ameazada da nosa fauna.

 

En paisaxes tan transformadas pola actividade humana como a galega, algunhas destas especies dependen en gran medida das construcións humanas para refuxiarse. Por iso, a complicidade dos propietarios e usuarios das construcións nas que se refuxian os morcegos é fundamental para a súa conservación.

 

En 2014 asinamos un convenio con Drosera para traballar conxuntamente na conservación de refuxios de morcegos. Drosera desenvolve desde 2007 o programa "Morcegos de Galicia" e é pioneira no establecemento de acordos cos propietarios ou usuarios de construccións para garantir a conservación de colonias de morcegos.

 

Mediante este acordo a AGCT constitúese na entidade de custodia responsable dos acordos que afectan a colonias de morcegos, actuando os investigadores de Morcegos de Galicia como asesores técnicos dos mesmos.  

Un fogar para os morcegos

Asociación Galega de Custodia do Territorio   Rúa San Vicente, nº 22 de Lugo (C.P. 27003)

custodiadoterritorio@gmail.com