Tan fermosas como perigosas: as Especies Exóticas Invasoras

As Especies Exóticas Invasoras (EEI) son especies chegadas de fóra de Galicia que teñen unha gran capacidade de propagación, polo que tenden a naturalizarse competindo coas especies autóctonas e chegando a alterar os hábitats.

Algunhas EEI vexetais son ben coñecidas, como a mimosa (Acacia dealbata) ou a herba da pampa (Cortaderia selloana). Outras quizais menos, como a flor das bolboretas (Buddleja davidii), a vara de San Xosé (Tritonia x crocosmiiflora)  ou a vinca (Vinca sspp.). Entre as EEI animais están a avespa asiática (Vespa velutina), o visón americano (Neovison vison) ou o cangrexo americano (Procambarus clarkii).

Ás veces algunhas especies vexetais pasan anos sen amosar o seu carácter invasor, aclimatándose ou agardando a que aparezan condicións favorables (movementos de terras, incendios, abandono do laboreo...). Moitas son cultivadas en xardíns pola súa beleza, e acaban por saltar ao medio natural, provocando un gran problema ambiental. Por iso a Lei que regula o Catálogo Español de EEI prohibe a posesión , cultivo ou comercialización das EEI incluidas no mesmo.

Moitas destas especies son doadas de controlar nos estadíos iniciais da súa entrada no medio, pero cando se expanden pode ser moi complicado e moi custosa a súa eliminación.

As Especies Exóticas Invasoras e o cambio climático

Na Terra Cha a proliferación dalgunhas EEI vese limitada polas xeadas invernais. Porén, o período anual de xeadas estase a reducir a medida que os invernos se fan menos fríos, o que favorece ás EEI. Tamén se está a producir un fenómeno de aclimatación e especies que  ao primeiro se viron limitadas pola climatoloxía van gañando terreo pouco a pouco. Estamos, por tanto, nun momento crucial para manter a raia estas especies e evitar que a súa proliferación leve a situacións complexas como as que se están a dar nas zonas máis achegadas á costa.

O Observatorio de Especies Exóticas Invasoras da Terra Cha

 

Por iso desde a AGCT puxemos en marcha o Observatorio de Especies Exóticas Invasoras da Terra Cha, co obxectivo de facer un seguimento das poboacións de EEI, detectar o máis rápido posible a presenza de novas especies ou novas poboacións e ofrecer información detallada e actualizada sobre as EEI ás administracións con competencias no territorio.

O Observatorio nace do proxecto "Adaptando que es gerundio. Preparando la reserva de la biosfera Teras do Miño para el cambio climático" financiado pola Fundación Biodiversidad e a Deputación de Lugo. Durante este proxecto realizouse unha primeira cartografía das EEI na Terra Cha e púxose en marcha unha ferramenta dixital na plataforma iNaturalist para que calquera persoa poda colaborar na recollida de datos destas especies a través do seu móbil ou tablet.

Ademáis de recoller información da presenza de EEI e elaborar propostas de actuacións para as diferentes administracións, o Observatorio elabora materiais e organiza xornadas para facilitar a identificación e o coñecemento da problemática destas especies por parte da cidadanía. Tamén  executa os seus propios proxectos de eliminación de EEI.

 

Asociación Galega de Custodia do Territorio   Rúa San Vicente, nº 22 de Lugo (C.P. 27003)

custodiadoterritorio@gmail.com

Buddleja davidii