A AGCT é beneficiaria, na convocatoria 2017 da Fundación Biodiversidade, do proxecto “Consolidación dun acordo de custodia para a conservación dun bosque de interese para a pita do monte e outra fauna cantábrica”. Trátase dun proxecto piloto para a mellora da xestión e conservación dos montes veciñais e de varas da montaña oriental lucense. Desenvólvese no monte de varas de Piornedo (Cervantes, Lugo), un pro indiviso de máis de 800 ha de superficie.
O proxecto ten como obxectivos acompañar aos propietarios do monte na constitución da xunta xestora e a regularización da propiedade; a elaboración dun plan de xestión baseado na conservación dos seus valores ecolóxicos; e a execución de actuacións de manexo do hábitat e compatibilización da actividade gandeira coa conservación da natureza. Todo isto redundará na mellora do estado de conservación dun bosque de especial interese para a fauna cantábrica (oso pardo, lobo, charrela, peto negro, saramaganta, etc…) e na súa conservación a longo prazo.
A AGCT ven traballando en Piornedo desde 2013, ano no que asinamos un acordo de custodia cos propietarios do Monte de Piornedo (Cervantes) no marco do Life + Urogallo Cantábrico. Daquela realizáronse distintas actuacións encamiñadas á mellora do hábitat no “Monte do Agulleiro”, un dos bosques do Monte de de Piornedo que acolleu algúns dos últimos territorios de pita do monte nos Ancares. O acordo representa unha aposta dos veciños de Piornedo pola conservación e posta en valor do seu territorio así como o inicio da colaboración coa AGCT.
Interese do proxecto
O proxecto constitúe unha experiencia piloto para a comarca dos Ancares de participación social na conservación de especies ameazadas e gobernanza ambiental das comunidades locais. Desenvólvese ao longo de 12 meses, facilitándose desta forma a consecución do obxectivo principal do proxecto: mellorar o estado de conservación dun bosque de interese para pita do monte e outra fauna cantábrica; á vez que permite diseminar novas fórmulas de xestión participativa en montes de propiedade colectiva con alto valor ambiental.
A xestión dos recursos naturais polas comunidades locais é unha estratexia útil para a loita contra os principais problemas que enfronta o medio rural como son o despoboamento, o abandono da actividade agraria e a degradación dos valores ambientais e paisaxísticos, converténdose nunha potente ferramenta de desenvolvemento rural no escenario actual de cambio global.
A modo de exemplo podemos sinalar que a Reserva da Biosfera dos Ancares Lucenses abrangue unha superficie de 53.277 ha. das cales, unhas 27.875 ha. corresponden a propiedades comunais (MVMC e montes de varas). Isto supón que máis da metade da superficie da Reserva da Biosfera é de propiedade comunal. Traballar coas propiedades comunais e as comunidades locais, convértese neste escenario nunha ferramenta imprescindible para acadar os obxectivos de conservación do patrimonio natural e cultural contemplados no plan de acción desta Reserva da Biosfera.
Obxectivos específicos
-
Promover e avanzar na gobernanza ambiental do Monte de Piornedo por parte da poboación local.
-
Mellora da xestión dos hábitats de interese para a fauna no Monte de Piornedo.
-
Consolidar o acordo de custodia do territorio asinado no contexto do “Life + urogallo cantábrico”.
-
Diseminar a experiencia por outros espazos de alto interese ambiental da montaña oriental lucense.
Accións
1. Actualización da propiedade do Monte de Piornedo. O primeiro paso será regularizar a figura xurídica do monte mediante o saneamento da propiedade.
2. Establecemento das liñas de actuación para a conservación de especies de especial interese de conservación e establecemento dun convenio de colaboración coa xunta xestora de polo menos 10 anos de vixencia vinculado á conservación de especies de interese.
3. Actuacións de mellora do hábitat e compatibilización da actividade gandeira.
4. Reunións cos veciños e copropietarios doutros montes veciñais e de varas de alto valor ambiental da comarca de Ancares de Lugo para diseminar a experiencia e explorar as posibilidades para a firma de acordos de custodia. Neste momento, xa estamos traballando con veciños de Deva (Cervantes, Lugo).
5. Accións de divulgación. Difusión de tódalas accións realizadas en redes sociais, prensa e televisión.